Temos carta do Alcalde

O noso alcalde mandounos unhas liñas nestes días, baixo o título “información á veciñanza” cóntanos en tres páxinas como van as cousas por alí arriba. Sobre todo fálanos de cartos, dos que non hai, case 5 millóns de euros de pufo. E tamén nos fala dos remedios que se van poñendo para que o cancro non avance. Aínda que outro día, con máis tempo teremos ocasión de falar polo miúdo, xa vos adiantamos que os remedios que propón son como querer tratar ese cancro con aspirinas, cando o que fai falla de verdade é unha boa radioterapia. Pero deses remedios e propostas de remedio, insistimos, falaremos no próximo texto.

O conto é que hai unha cousa das que nos conta o alcalde que si me fixo fregar os ollos un par de veces, ese parágrafo que di: “A primeira medida que tomamos foi a redución dos soldos políticos, que pasaron de 77.128,66 euros anuais a 28.000. Isto significa un aforro neto anual de 59.128,66 euros.”
Despois de fregar os ollos, deume por buscar na web do bloque de Carnota (R.I.P.) qué nos contaba o alcalde cando chegou á alcaldía dende esa web, e vemos (http://2.bp.blogspot.com/-3c7yw-VzhBY/TgpiAnZKagI/AAAAAAAABIw/FnAvS8VVCb8/s1600/soldos2011.png ) que as cifras non cadran nin de lonxe, xa que segundo o cadro que nos presentou en xuño, no ano 2010 os soldos políticos foron 120.862,98 euros, sumados o do alcalde, segundo tenente alcalde e a “liberada”.

É público e notorio a día de hoxe que esa persoa que a web de Bloque chama liberada segue na nómina do Concello, ignoramos se cobrando os 38.261 euros que nos contaba a web do Bloque, polo que entendemos que o aforro que nos anuncia o alcalde non é tanto, ademais doutros 5000 euros que daquela sumaban e hoxe non aparecen na cartiña. Porque a outra opción é que esa persoa non fose unha liberada política, como se lle acusou con ampla difusión, en calquera caso cremos que se nos debe unha explicación aos que nos fixeron crer cousas que agora parecen desdecirse.

Agradecemos que nos dea as contas, pero xa que o fai, que cadren.

Erros políticos

Ás veces os políticos, cando ocupan o poder descéntranse, ou mellor día, céntranse, pero céntranse no propio embigo, e esquécense de cómo respira a sociedade. Consecuencia de isto, cando a sociedade civil promove algunha acción, os políticos teñen a tendencia a pensar que esas iniciativas van contra os seus intereses de líderes sociais.

Se cadra foi iso o que lle pasou ao anterior alcalde de Carnota cando xurdiu a iniciativa Monte Pindo Parque Natural. Se cadra porque as persoas que formaban parte da iniciativa parecíanlle moi “bloqueiras”, ou se cadra porque lle parecía demasiado “ecoloxista”, sabedor dos arrepíos que provocan os ecoloxístas e as “zonas verdes” entre a súa base electoral. O conto é que aquela iniciativa buscou o apoio do pleno de Carnota, levando un portazo nos buzos. Non soubo calibrar o PP local a forza daquela iniciativa, o atractivo que incorpora nin as potencialidades que aporta. O conto é que lonxe de rendirse, a xente de Monte Pindo Parque Natural empezou a traballar, en serio, para demostrar que non estaban desencamiñados. A negativa do gabinete Oreiro a apoiar aquela iniciativa foi un erro político, porque era unha iniciativa que lle saía gratis, que incorporaba o compromiso de persoas traballadoras comprometidas co noso concello sen ningún tipo de dúbidas, e permitiríalle poñerse ao frente dunha iniciativa que so pode ser proveitosa. A proba está en que dende entón, dende aquel pleno, o camiño desa asociación esta cheo de éxitos, traballo, descubrimentos e apoio social de todo tipo, non so dos “peludos” e “ecoloxistas”. Se cadra non se vai acadar a curto prazo a declaración de Parque Natural, pero dende logo o que si esta pasando é que o Pedregal do Pindo estase a poñer en valor como nunca se fixera antes. Un tesouro é un tesouro dende que sabes o valor que ten.

Eu agardo que dese erro, como de outros, teña o PP local aprendido algo, aprendido que as iniciativas hai que valoralas obxectivamente como boas ou malas por si, non por quen llas propoña.

Aproveitar as oportunidades

A nova destes días sobre a posibilidade máis que certa de que unha etapa da Vuelta a España acabe no mirador do Ezaro, pasando nos seus últimos kilómetros polo noso concello debe ser vista por todos como unha oportunidade.
Non faltará quen encha as paredes e as estradas de pintadas con consignas independentistas, que lonxe de crear algún tipo de afecto ou ilusión por coñecer a nosa terra, fará que nos visionen como unha tribu de unicejos de guillada e boina.
Ter un final de etapa da Volta a España é un luxo, poder lucir o encanto paisaxístico do noso concello nunha retransmisión en directo, con tomas aéreas dende o alto de Louredo, da nosa praia, do promontorio do Monte Pindo, da boca do río, etc… é unha oportunidade que non debemos deixar escapar.
Cando un observa unha etapa do Tour de Francia e ve os lugares atractivos por onde pasa apetécelle visitalos, o Tour é o mellor programa de promoción audiovisual da primeira potencia turística do planeta. España é a segunda potencia turística do mundo, e a Vuelta a terceira carreira, seguida en todo o mundo.
Se non aproveitamos para tratar de dar unha imaxe atractiva do noso concello nun evento dese tipo estaremos dilapidando unha grande oportunidade. O noso concello, ainda que arruinado como nos contan que esta, ten que implicarse na promoción da súa imaxe nesa etapa, poñerse a disposición de Unipublic para poñer en valor o que temos. Carnota pode seguir sendo linda, sustentable, e ao mesmo tempo ser un destino turístico. Por eso, as oportunidades hai que aproveitalas.

Carnota ten Futuro.- Qué futuro?

CARNOTA: 4904 Seres Humanos; 2.354 homes e 2.550 mulleres, 174 Vacas, 1.235 afiliados de alta na Seguridade Social (casi 100 a conta do concello), 12 matrimonios, 65 mortos e 22 nacementos no ano 2010, 2.632 coches, 61 tractores.

Con estes datos, a onde imos? En Carnota traballa 1 persoa para que outras 3 vivan desa que traballa, en cambio un de cada dous ten un coche. Se a xente de Carnota tivera que beber o leite que dan as súas vacas, dificilmente sobrevirían. Con todas as agras a monte. Qué fan eses outros 3669 que non traballan? Tendo en conta que menos de 400 son menores de 15 anos, os outros, qué fan? vexetan? De qué viven? Qué futuro nos agarda?

Este é o problema que hai que arranxar en Carnota, a falla de futuro. Sufrimos un cancro total de ideas, de ganas de traballar e de ganas de mellorar. A xente so pensa en cobrar pensións ou en ter choios polo concello que non cansen, case ninguén pensa en producir riqueza, malia que a riqueza nos rodea, tan so hai que transformala. O lema do grupo que goberna o noso concello nas últimas municipais foi “Carnota ten futuro”, pois ben, o presente é moi negro, e o futuro cos datos nas mans é inexistente, así que ou reaccionamos xa (pero xa é dunha puta vez XA), ou imos para o carallo todos.

5 meses

Xa pasaron máis de cinco mesiños dende o 11 de xuño, un dia de ledicia e ilusión para máis de mil carnotáns e carnotanas. Agardábamos que as cousas mudaran na xestión e no rumbo do noso maltratado concello, agardábamos cambios, pero eses cambios non acaban de chegar.
Segue a mesma tropa de contratados con carné que a última hora colocou o goberno anterior, seguen os mesmos nomes ocupando os mesmos asentos. Seguen (aumentan) os pufos millonarios (en euros) malia que a xente paga máis tributos e taxas que nunca.
Hai plans, disque, pero a única novidade polo de agora é a redución dos salarios políticos, todo o demáis segue igual.
Xa trancorreu máis do 10% desta lexislatura e o novo goberno non esta a dar motivos a esa ilusión coa que chegou.
É moi sintomática a parálise ate na web do Bloque, había máis actividade informativa cando se estaba na oposición. A xente de progreso de Carnota precisa un goberno que traballe.